COEDUCACIÓN
Literatura persoas adultas e xóvenes
Obras breves de imaxinación
Premios de Relatos ‘Mulleres Progresistas’ 2007-2011
O Premio de Relatos Mulleres Progresistas foi convocado por vez primeira vez no ano 2006, vindo substituír o xa veterano de Novela, cun obxectivo moi claro: animar e fomentar a escrita de narrativa en galego por mulleres, e nada mellor para isto que facer esa convocatoria desde o formato do relato, verdadeiro banco de probas de todo tipo de argumentos e voces e de maior poder de convocatoria para todas aquelas que algunha vez pensaron en contar algunha historia en negro sobre branco.
O resultado final e concreto é este recompilatorio: quince pezas breves dun total de once autoras entre gañadoras, finalistas e mencións especiais do I, II, III e IV Premios, que veñen amosarnos a riqueza temática e de estilos da narrativa galega escrita por mulleres, pero, sobre todo, que veñen dar forma e corpo a un entusiasmo compartido.
Relación de relatos e autorías incluídos na obra: I Premio (2007) Mans coma nubes, Rosa María Llorente Suárez (1º Premio) O sono de peneque, Pilar Ortega Pereiro (2º Premio) II Premio (2008) Miserere, Fátima Peón Torres (1º Premio) Surrealidades, Clara Rodríguez Giráldez (2º Premio) Pel de pataca, Mar Guerra Cid (3º Premio) Renovación, Josefa de la Esperanza Mandelo Estévez (Finalista) Farakha, María Cristina Pavón Mauriz (Finalista) III Premio (2009) Terapia mnémica, María Cristina Pavón Mauriz (1º Premio) O último abril, María Xosé Castelo Lestón (2º Premio) Tesalónica, Teresa Barberena Fernández (3º Premio) Coherencia, María Cristina Pavón Mauriz (Mención especial) IV Premio (2011) Bonecas, Beatriz Lorenzo López (1º Premio) Ruído Branco, María Cristina Pavón Mauriz (2º Premio) O Carteiro, María Xosé Castelo Lestón (3º Premio) Miseria, Soledad Agra Tuñas (Mención especial).
As mulleres na Filosofía
(Baía Ensaio) de Fernández Buján, Inés
A presente obra pretende tratar os dous aspectos implícitos na ambigüidade do seu título: as mulleres como obxecto e como suxeito do pensamento, é dicir, por unha banda, o que os filósofos pensaron sobre as mulleres, e, por outra, o que pensaron as mulleres cando accederon ao estudo da Filosofía. Inténtase, ademais, relacionar eses dous aspectos, xa que as mulleres filósofas pensaron, en primeiro lugar, sobre o que os filósofos tiñan pensado acerca delas; por iso, os seus primeiros pasos na filosofía foron respostas directas e argumentadas racionalmente aos prexuízos e ideoloxemas dos seus coetáneos. De aí que busquemos a un tempo reconstruír a conceptualización do feminino a partir dos textos dalgúns filósofos, pero tamén reconstruír unha xenealoxía feminina na historia do pensamento. Así pois, na primeira parte de cada división histórica esbozamos unha pequena crítica da razón patriarcal, e no contrapunto que lle segue bosquexamos unha rápida historia da teoría e da práctica feministas, así como unha breve escolma de filósofas de cada época; todo isto co fin de visibilizar e recuperar un pasado necesario para iluminar a nosa identidade presente e para orientar o noso futuro. Porque, como di Hannah Arendt, a ausencia de memoria ou de tradición indica, a un tempo, a dificultade de conservar e a de innovar e, polo tanto, a imposibilidade de crear novos significados para o mundo. Cada novo fragmento que recuperemos dunha tradición que esqueceu deliberadamente o pensamento das mulleres obrigará necesariamente a re-pensarnos, a producir sentido, a reinterpretar o mundo e, como consecuencia, a transformalo.
Cartas no exilio
(Baía Ensaio) de María Lopo (Autor)
Moitas son as persoas que fixeron posible esta edición. A primeira, por suposto, María Casares, por conservar estas cartas, e con elas, parte da nosa memoria; Véronique Charrier, directora da Maison du Comédien Maria Casarès e legataria desta correspondencia, por preservala e transmitila, decidindo a súa conservación e facilitando a súa consulta; María Esther Varela Casares, que nos deu unha autorización eticamente importante para Véronique Charrier e para min mesma; María Teresa Dolley, xefa do servizo de biblioteca do IMEC, a súa profesionalidade e a súa calidade humana favoreceron e facilitaron a realización desta investigación. E por suposto a Concellería de Cultura e Museos Científicos do Concello da Coruña na persoa da súa responsable, María Xosé Bravo San José, e Baía Edicións, por aceptar e levar a bo porto este proxecto. A edición dunha correspondencia contén moi diversos e variados traballos de investigación, que se adaptan mellor ao traballo en equipo que ao individual. Desde os inicios deste proxecto, na primavera de 2003, varias persoas implicáronse nel, desde a paixón investigadora e a xenerosidade do saber; considéroos coautores do mellor que este libro poida conter, asumindo por suposto, como exclusivamente meus, todos os erros, carencias e imperfección do resultado final. Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo e Santiago Lopo achegaron a ilusión imprescindible e colaboraron comigo en diferentes momentos do proceso, tanto a nivel do seu deseño teórico como da súa realización práctica: na localización dos documentos, na consulta dos inventarios, na elaboración de listados, na transcrición dos orixinais, nas traducións desta obra chea das linguas todas do exilio. Tamén quero citar aquí a Ana María García Collazo, a Tania Lamas e a Dionisio Pereira, que coa mesma ilusión achegaron datos do saber das súas áreas. Mais o maior dos agradecementos vai, por suposto, para esas voces do exilio que o vento da vida e da historia espallou polo mundo. Por todo o que delas se aprende ao escoitar, ao ler con emoción e admiración os seus vívidos testemuños de loita e de derrota, de dignidade, de confianza no futuro e na humanidade; unhas voces das que apenas conservamos ás veces máis ca unhas iniciais ilexibles, ou un anónimo enderezo nunha provincia francesa que xa non existe na administración territorial. As nosas voces. Abrir unha tras outra as caixas da nosa memoria na nave central dunha renovada abadía normanda, e comprobar que nela segue zoando o vento, mostra que o máis improbable azar é sempre necesario e que todos os lugares fan o noso lugar, o lugar do noso exilio
Outro mundo é posíbel: O reino da necesidade de Vandana Shiva
Hai moitas e diversas maneiras xa de achegarse, xa de profundar na reflexión sobre a crise ecolóxica ou a globalización en xeral, ou, máis en concreto, sobre a enxeñería xenética, a biotecnoloxía, a produción e a reprodución, o libre comercio, a pobreza, a saúde, a alimentación. Unha das mellores vías en tanto que abrangue ambas as dúas posibilidades, ao meu entender, é a que ofrece o pensamento e a práctica ecofeminista de Vandana Shiva, de aí que comece por subliñar que é un acerto a publicación dun libro como este de Anna Cervera que contribúa a que se divulgue e discuta a obra dunha das mulleres máis activas, coñecidas e recoñecidas, a nivel mundial, tanto desde o feminismo como do ecoloxismo ou dos movementos alterglobalización. As razóns para introducírmonos na súa visión abondan. A súa formación científica, o ser unha voz do Sur, o seu compromiso práctico cos pobres da terra e, nomeadamente, coas mulleres, presente e patente nos seus textos e nas súas intervencións en distintos foros internacionais, fornecen a crítica a un desenvolvemento e crecemento económico xerador de desigualdades, pobreza e degradación do mundo natural, tanto a nivel local como global. Un pensamento e unha práctica que responde con contundencia ao que se xulga como un «mal desenvolvemento» e que, pola contra, adoita unha perspectiva de subsistencia, aquela que parte das necesidades fundamentais da vida.
Tres mulleres galegas de armas tomar
de Domínguez Touriño, Guillermina (Autor), Estévez Salazar, Felicia (Autor)
‘Tres mulleres galegas de armas tomar’. María Balteira, María Castaña e María Soliña Este libro é unha escolma das tres marías, máis antigas, precedentes de tantas e tantas mulleres loitadoras: María Castaña, María Soliña e María Balteira. Esta é unha nova historia coas poucas fontes e referencias que delas hai, os moitos rumores que tamén corren ao falar delas e as ganas de facer algo que chegue ás rúas, ás escolas, ás novas xeracións de rapazas e rapaces que teñen que seguir a construír un mundo en que mulleres e homes sigan facendo del un lugar máis habitable no sentido máis humano e xusto da expresión. Ben é verdade que sen mulleres de armas tomar, moitas de nós non teriamos chegado a medrar nas condicións en que o fixemos e o noso vagar tería sido moito máis penoso. En aras de poder facer unha pequena homenaxe ás mulleres en xeral e a estas en particular polas súas circunstancias máis coñecidas popularmente, foi polo que nos decidimos a emprender tamaña empresa, nada doada, por certo. Nada doada, porque as eruditas e os eruditos practicamente o dixeron todo destas tres mulleres e tampouco se pretendía nin pretende atopar incunábeis que se refiran a elas, nin facer unha profunda investigación, só transmitir o pulo que mulleres como elas lle deron á mesma historia, o que loitaron, o que sufriron e só polo simple feito de pertencer a un xénero que non era o protagonista da historia nos momentos que lles tocou vivir. Así a nosa pretensión sinxela é contar parte do seu devagar pola vida, cos atrancos que supuxo vivir no Betanzos do século XIII, no Lugo do século XIV e na Cangas do Morrazo do XVII, engadíndolle o feito de seren mulleres nun mundo de homes. Non se pretende facer historia compensatoriafalando destas tres mulleres concretas, senón de reivindicar a visibilidade das mulleres no devir histórico ao igual que aquilo de que o pobo que non coñece a súa historia está condenada a repetilo. E isto poderiamos estendelo áhistoria social, áhistoria das mulleres como parte integrante dunha sociedade que, por diversos motivos, as silenciou. Reivindicar as súas vidas, fazañas e movementos nas diferentes etapas da Historia, fará que as mulleres contemporáneas teñan referentes máis que suficientes para seguir cara ao camiño da igualdade como cidadás de pleno dereito.
maría barbeito
María Barbeito precisaba dun estudo histórico-biográfico, un texto con contexto, elaborado entre a historia social, a microhistoria e a historia cultural. Aquí está. Con soltura na escrita, cos detalles queridos á historia local, coa estrutura dunha coidada monografía, para mostrarnos o perfil dunha destacada educadora. O presente estudo está organizado seguindo un criterio temático-cronolóxico. A esta introdución seguen catro capítulos dedicados aos catro ámbitos básicos da actividade de María Barbeito: o profesional, o benéfico-social, o literario-cultural e o das actividades cívicas e feministas. A eles segue un capítulo dedicado á traxedia que significou a depuración a que foi sometida e que determinou a separación da docencia, unha nova etapa na súa vida marcada polo silencio, a nostalxia e o sufrimento.
LUCE IRIGAY
Dirixido a todas as persoas interesadas na historia do pensamento e de gran utilidade como material complementario para as materias da Filosofía e Historia no Bacharelato, este estudo profundiza en aspectos singulares do pensamento e obra da socióloga belga de orixe vasca Luce Irigaray.
MARÍA ZAMBRANO
María Zambrano é unha filósofa do século XX. A súa vida e a súa obra estiveron marcadas por acontecementos fundamentais como a guerra civil española e a guerra europea. O exilio de 45 anos de Zambrano impregnou a súa filosofía de tal modo que o exilio se constituíu nunha das súas categorías de pensamento. Ademais, se hoxe coñecemos a Zambrano iso é debido ao traballo e ao esforzo de recuperación da súa obra que se fixo na década dos oitenta. Doutro xeito, só constituiría unha referencia máis na longa lista de exiliados republicanos que tiveron que abandonar España en 1939.
CONCEPCIÓN ARENAL
Dirixido a todas as persoas interesadas na historia do pensamento e de gran utilidade como material complementario para as materias da Filosofía e Historia no Bacharelato, este estudo profundiza en aspectos singulares do pensamento e obra de Concepción Arenal.
FEMINISTAS GALEGAS
Feministas galegas. Claves dunha revolución en marcha de Mónica Bar Cendón pretende mostrar o papel do feminismo na consolidación democrática e como se foron filtrando os seus postulados ata formar parte dos asuntos de Estado na actualidade. Tanto as feministas da transición, herdeiras da revolución cultural do 68 e dispostas a darlles a volta ás súas vidas en defensa da coherencia ideolóxica, como as dos anos 2000 decataríanse de que «facerse feminista» implicaba chocar cun mundo remiso aos cambios e ao relevo no poder. O cuestionamento da vida das feministas comezaba co propio corpo e debía tirar abaixo a primeira estrutura represiva para a muller: a familia e as cadeas conxugais. Implicaba desvincularse do mundo íntimo, sentimental, para abrirse camiño ao público, ao da razón, ao da xustiza, seguindo como un grito de guerra o lema da norteamericana Kate Millett: «o privado é político».
Incomprensiblemente negado, o movemento feminista propiciou probablemente os cambios sociais máis profundos levados a cabo durante a transición política. A determinación das feministas de tomar por xustiza o mundo público masculino desencadeou unha fonda batalla interna e externa que conseguiu deixar sinal. Nesta obra coral, Mónica Bar «dálles a voz» ás protagonistas da historia e abre canles polas que poidan discorrer novas investigacións e reflexións sobre o feminismo, imprescindible para a sociedade contemporánea.
FÓRA DO NORMAL
Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2017 André, igual ca os heroes da Banda Deseñada como Superman, Batman e A muller marabilla que tanto admira, vive en conflito co seu corpo e coa súa identidade. Un conflito que lle parece irresoluble ata que ao seu instituto de Teis chega Mucha das Anzas, unha rapaza de Ribadeo que, contra todo prognóstico, non se sente fóra de lugar malia a súa orixe rural e a súa forma de entender a vida allea ao contexto urbano no que se ve obrigada a inserirse. Axiña, a amizade de André e Mucha pasará a verse ampliada nunha especial Patrulla Trans, grazas a Martín e Xela, outras dúas persoas moi distintas que axudan a André a comprender que cómpre coñecer para querer. Así, por fin amparado pola súa rede afectos e pola lectura das aventuras dos heroes do cómic clásico, un camiño para a comprensión do mundo, André asumirá que para a superación dos conflitos a auténtica fortuna reside en rodearse de persoas que non teñan medo a ser quen son: «no medio da treboada, a única heroicidade é resistir».»Fóra do normal», novela gañadora da primeira edición do Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, identifica os heroes e as heroínas contemporáneas entre aquelas persoas que só con existir e non ceder a domesticarse están mudando o mundo.
ROSALÍA FEMINISTA
A poesía de Rosalía de Castro agroma nun triángulo de furias: a reivindicación das mulleres; a meniña gaiteira que tatexa palabras inaugurais dunha nación non prevista; e a ira contra a precariedade, a compaixón polas persoas inocentes e tristes, a certeza da vulnerabilidade. Nese triángulo de furias afírmase a Rosalía feminista. Dálle voz á moza, á violada, á solteira, á vella, á nai obrigada a deixar o fillo só, ás mulleres confinadas entre o amor romántico e unha idea estreita de familia. Avisa dos perigos do gaiteiro da festa, do emigrante que non ha volver, da violencia do poder. Defende a xustiza pola man. E crea a viúva de vivo: esa muller soa, sen rostro, sen amor e tamén sen amo que resolve, como unha Penélope navegante, deixar de agardar.
Concello de Covelo
Praza do Mestre Cerviño, 2
36872, COVELO
Contacto
+ 00 34 986 65 00 27/47
servizossociais.covelo@gmail.com